tres subidas, a última máis tendida
O verán é para relaxarse, e había versión curta de 16km, mais habendo a larga (27km) a decisión estaba clara 😅
Erguinme regular (ver nota) pero con ganas de coñecer As Pontes, tiña pasado por vila e apetecíame dar unha volta por alí. Non tiña ningún plan concreto para esta finde, así que vin o anuncio no foro e apunteime sen pensalo moito.
A organización foi moi boa, a zona de saída/chegada, administración, duchas e aparcamento concentradas e facilmente accesibles, avituallamento correcto e comida final. A marcaxe da ruta era perfecta, imposible coller un cruce mal. Desde aquí, moitas grazas polo traballo.
uns minutos antes da saída, xunto ao pabellón municipal e parque xunto ao Eume.
Ruta 27km
Tiñamos tres subidas por diante que destacaban no perfil (ver arriba), as dúas primeiras máis curtas e empinadas, a última algo máis longa pero tendida. En realidade moito do desnivel acumulado (1150m) xuntábalo grazas as ducias de pequenas subidas que tiñas que facer continuamente, con moitos descansos e baixadas. Afortunadamente collínlle pronto o ritmo axeitado (para min) e puiden desfrutar moito do recorrido.
Saímos da vila para subir ao embalse, seguir a súa contorna por un carreiriño estreito e facer a primeira subida, con estas vistas.
desde o primeiro avituallamento, km5.5, con As Pontes ao fondo e o embalse que se intúe no plano medio
Pouco despois separábanse as rutas curta/longa e tras baixar novamente ao embalse seguimos polo mesmo tipo de camiño estreitiño (e con algo de risco de caer ao embalse). A segunda subida era semellante en características a primeira, pero máis bonita, xa metidos no bosque propiamente dito. Aínda que a temperatura era perfecta para correr seguro que un día de calor se está moi a gusto debaixo de tanta árbore.
A baixada que seguía, ata a Área recreativa O Caneiro foi o tramo máis bonito de toda a carreira, chulísssimo esa baixada entre carballos, seguindo os regueiros, desfrutando do fresco, da vexetación, das pedras, do musgo, dos ameneiros, practicamente só e coa música do bosque. Só por estos minutos xa pagou a pena vir.
moito de esto 😃 Con pouca auga, normal en agosto
Só quedaba a última subida, que tal como se intuía no mapa foi máis tendida, irregular con moitas pequenas subidas escalonadas, pero que podías andar/correr a bo paso e desfrutando.
Igual estou repetindo moito a palabra desfrutando, pero paseino ben 😉
Patapúm pabaixo
A baixada final, da Carballeira (sic), era un pedregal de carallo, duro e roto, un monte pelado, un cortalumes dereitiño ate o parque onde remataba a carreira, menos mal que tiña os pés en bo estado tras tantos quilómetros correndo por superficie acolchada. Tireime un pouco a lo loco (dentro do meu nivel) xa con máis ganas de saír de alí que de realmente correr ou facer mellor tempo. Non é crítica nin nada, que ten que haber de todo, pero o único bo de esta baixada foi que xa era o final.
The End
Pois esto, que o pasei ben, non afuciñei nin batín coa cabeza nas árbores, nin tiven dor (thanks drug dealers). Sen dúbida é unha carreira recomendable para todo tipo de corredoras, pero eu creo que especialmente indicada para todas aquelas persoas que quizáis sinten recelo ou medo de participar nun trail, pois habendo distancia curta permíteche desfrutar do día por un terreo sen dificultade técnica e cun desnivel moderado, sen grandes costas ou trepadas imposibles.
Ter as duchas a pé da meta e un plato de comida tamén da puntos.
platiño de callos cunha cervexa, bastante mellor do que pinta.
PD: había moito tempo, non lembraba, cando foi a última vez que lle tomei un ibuprofeno para poder correr. Erguinme cunha dor punzante e localizada no xeonllo esquerdo, na parte externa, co que podía andar/correr sen problemas, pero con dor :( Na carreira nin me enterei, entre a pastilla e ir quente, pero a ver en estos días se non me fixen dano, pois a baixada final era MOI pronunciada e deixeime ir rápido. Non me gusta correr así, pero tampouco hai que sufrir pa ná (ou non ir).
Comments
No comments yet. Be the first to react!