Mentalidade de "corredora"
Suponse que se participas en carreiras populares é porque vas a competir, vas a correr contra outras persoas. A gracia da competición está en competir. Suponse.
Ao escribir esto que les hai dez días que fun competir a unha carreira popular polos montes arredor de Ribeira e aínda non mirei a clasificación da carreira, nin o tempo oficial que fixen. Pódese dicir que este é un dos propósitos de ano novo (new year resolutions) que vou intentar acadar. Non é unha mentalidade de persoa corredora, hai que admitilo, non mirar a clasificación de unha proba na que participas.
xente participando nunha carreira popular, CC-0 en pexels.com
Tras tantos anos correndo e participando en carreiras populares tes tempo de cambiar o xeito en que entendes o feito de correr así como o xeito en que tomas parte nas carreiras. Sempre escoitas comentarios de "xente que corre catro mil quilómetros ao ano e non participa en ningunha carreira", son comentarios que transmiten certo grado de incomprensión, unha falta de lóxica e propósito no feito de correr tanto para nada. Tamén a alienación do propio correr, como se lle quitasen a sustancia ao correr. E se fose ao xeito inverso? e se correr por correr fose o sustancial e a competición o accesorio?
Se adestras para estar preparado para competir en carreiras populares entón é normal que che pareza inútil tanto correr, case un desperdicio de enerxía. Quizás é que non che gusta correr, se non competir, e adestrar é un sacrificio ineludible. Quizás non compites, nin corres, só tes unha excusa para saír o domingo da casa e tomar unha cervexa coa pandilla.
Non xulgo as motivacións de ninguén nin cualifico, só reflexo o que pode motivar a unha persoa a saír a correr e desvinculalo das carreiras. Sinceramente non creo que sexa mellor unha actitude ou outra, pero si que creo que como en moitos ámbitos aquí maniféstase o poder da manada (ou grupo). Como somos máis, o que nós facemos/opinamos é o correcto e vos sodes os raros, os que corredes de outro xeito.
Na manada estáse quentiño, arroupado, con esa sensación de non ter dúbidas... vale, xa estou divagando a temas máis relevantes.
Non me clasifico
Voltando a razón do comentario -non mirar a clasificacion- debo dicir que me está costando. Aínda hoxe pensei en mirar en qué posto rematara. Como se non o soubese! Son moitos anos correndo como para non estimar con unha pequena marxe de erro onde rematei a carreira. Coñeces a xente coa que corres, e se acabaches un pouco despois de fulanito é que non fixeches moi bo tempo; se chegaches antes que menganita e tampouco te esforzaches tanto, entón é que hoxe ía ben dado o adestramento actual. Case podería apostar a unha clasificación ±10 postos e non me enganaría demasiado.
Pero ao non clasificarme, non me avalío a min mesmo con varas de medir alleas, se non que debo utilizar unha reflexión persoal para valorar a miña participación no evento (xa non carreira).
Cheguei san a meta? Fun respetuoso co medio e as demáis persoas? Desfrutei do momento, de ter saúde para correr e de tempo para perdelo correndo? Estos son os parámetros para valorar a miña clasificación.
E as respostas varían segundo o día, porque non tódolos días son igual de "felices" como parecese se un mira as fotografías que se toman e os comentarios en redes sociais. Facendo xustiza debo dicir que a actitude que mostramos as persoas que participamos en carreiras populares é positiva no 99% das veces. Unhas persoas exprésano de un xeito e outras de outro segundo a súa personalidade, pero non hai malas caras, as palabras son de respeto (case sempre) hacia as outras persoas, os ánimos dados son sinceros, atenden a comprensión do que está a sentir a persoa que corre ao teu carón, trátase de unha experiencia compartida.
Porse a un mesmo como patrón para valorar o día tamén ten os seus riscos. Acontece que a veces eres demasiado esixente e non estás a altura do que esperabas de ti ese día. Tes entón sensación de decepción incluso se atendemos aos parámetros arriba indicados (non a clasificación). Toca entón relativizar e virse arriba, tomar nota e aprender de por que hoxe non foi un bo día. Pero sobre todo toca ser honesto e non vivir a fantasía de outras persoas.
Xa non sei a conto de que ven este artigo. Ah! ...que non vou mirar a clasificacion de agora en diante. Intentareino. Deixo para outro día as respostas as preguntas inevitables, isto é, ¿por que participas en carreiras populares? e a máis profunda, ¿por que corres?.
Comments
No comments yet. Be the first to react!