Carballo Trail Race 2020

crónica dunha mañán correndo de Razo a Carballo

Este ano comecei a tempada cun evento algo máis intenso do que correspondería, a carreira de Pontecesures non a conto a este respecto, e ademáis corrino esforzándome máis do que tocaba. A idea era facer un adestramento longo, na liña do que xa fixen nas últimas semanas, pero xuntándome coa xente e pasando unha boa mañán nunha ruta que non coñecía.

Pero non, o plan duroume dous quilómetros, ata que comezamos a subir o monte Neme. Como é lóxico sentíame ben e sempre apetece esforzárse, así que fun indo sen forzar moito, andando onde correspondía, adiantando a xente,... pero non como debería sabendo que ía estar correndo máis de tres horas. Mal feito.

a praia de Razo, lugar da saída

Ruta

O día amenceu moi ventoso, pero cunha temperatura moi agradable, e na praia estábamos todas máis a cuberto da intensidade do vento que polo frío. Trasladáronnos en bus desde Carballo e chagamos pouco despóis do amencer, cunha estampa preciosa da praia de Razo.

Unhas breves indicacións da organización e todas a correr! Foron uns tres centos metros pola praia que serviron para estirar o grupo e evitar posteriores atascos cando un par de quilómetros despois se comeza a subir ao monte. Bordeamos o mar por un carreiriño e despois subimos por camiños anchos que permitían correr cada quen ao seu ritmo.

O último tramo de subida ao monte é moi empinado pero tamén é a única dificultade de desnivel importante, o resto da ruta tiña subidas moito máis tendidas e corribles.

Baixada desde o monte, tras atravesar unha canteira xunto as antenas no alto, e no quilómetro once remataba a ruta "curta" e tiñamos o primeiro avituallamento.

Desde ahí o perfil era moito máis favorable, cun par de subidas, pero a tendencia xeral era a baixar, polo que tendo gardado algo de forza pódese desfrutar durante moitos quilómetros dos camiños da comarca.

un deses camiños

Como digo, case todo era por camiños forestais/agrícolas, sen demasiado desnivel, nin pedra solta, así que se pode correr tranquilamente. Debido as chuvias das últimas semanas había moita auga, con curtiñas convertidas en brañas e camiños en ríos. Neste particular destacou un "camiño" con lama ate os xeonllos e auga ate a cintura. LITERALMENTE.

Chegando a Carballo fomos moito tempo a carón dun río Anllóns moi crecido, e finalmente collemos o paseo fluvial da propia vila ate chegar a zona da pisicina municipal (a meta).

perfil da ruta

A miña carreira

Como dicía, a idea era ir tranquilo, e tampouco me matei, pero esa subida inicial debería tela feito con menos intensidade. No final non me sentín máis baleiro do que correspondería, incluso adianteille a varias corredoras, pero o plan era rematar máis enteiro, sentindo que tiña marxe. E non rematei así, a sensación foi de ter dado o que tiña (sempre dentro de ter corrido con cabeza).

Desfrutei da ruta, das vistas desde o alto (as Sisargas e Malpica), os camiños que eran ríos, dos pequenos tramos de souto, do sol e a temperatura agradable, das piratas do avituallamento, as amables voluntarias da organización, en fin, unha boa mañán.

Con respecto a saúde, notei o glúteo esquerdo algo "contracturado" a metade da carreira, pero non foi a máis. Na última hora tamén tiña a zona do antepé dorida, máis ben os dedos, pero supoño que é por levar moitas semanas sen baixar desnivéis a esta velocidade (e os quilómetros acumulados).

Éramos trescentas e pico persoas entre as dúas distancias.

encargados do avituallamento

Ligazóns

cartaz do evento, en carreirasgalegas.com


CC BY-SA